Monday 29 de April de 2024

A Xunta destaca o éxito de “O Teu Xacobeo” pra fomentar a participación da cidadanía na celebración deste Ano Santo dobre


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación do proxecto “A memoria dos peregrinos II” da Fundación Jacobea, unha das 572 iniciativas beneficiarias do programa

― “O Teu Xacobeo” supuxo un investimento de 8M€ por parte da Xunta e permitiu mobilizar 15M€

― Alfonso Rueda lembrou que as medidas levadas a cabo para contar cun Camiño Seguro con actuacións nas rutas e na rede pública de albergues contribuíron a superar xa en setembro as expectativas de acadar neste 2021 as 140.000 Compostelas, con case 178.000 entregadas desde xaneiro

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o éxito do programa O Teu Xacobeo, co que o Goberno galego está a fomentar a participación da cidadanía na celebración deste Ano Santo Dobre.

Nas dúas convocatorias realizadas ata agora -sinalou- demostrouse a implicación da sociedade co Xacobeo 21-22 con 572 proxectos apoiados que supuxeron un investimento da Xunta de 8 millóns de euros e que permitiron mobilizar case 15 millóns de euros en ámbitos como o o turismo, a cultura, o deporte ou a acción social, entre outros. “O programa foi a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais de Galicia e puxo de manifesto que o Camiño de Santiago e o Xacobeo están moi presentes no conxunto da sociedade galega”, explicou o vicepresidente primeiro da Xunta.

Así o asegurou na presentación do proxecto A memoria dos peregrinos II da Fundación Jacobea, un dos beneficiarios do programa O Teu Xacobeo. No acto de hoxe presentouse o libro O ano 2020 no Camiño, que recolle o que supuxo a pandemia do coronavirus e o confinamento para o Camiño de Santiago con entrevistas a expertos e responsables de asociacións, así como a súa reactivación con testemuñas de peregrinos que fixeron algunha das rutas nese ano. Tamén se dou a coñecer a Memoria do Asociacionismo Xacobeo, incluído neste proxecto, coa que constituír un arquivo sobre a historia contemporánea das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

A memoria dos peregrinos II dá continuidade ao traballo audiovisual A memoria dos peregrinos, presentado o ano pasado e que que recompila experiencias persoais de peregrinos do século XXI e voces dalgún dos maiores expertos e estudosos do Camiño de Santiago.

Alfonso Rueda agradeceu o traballo da Fundación Jacobea para dar a coñecer a través desta iniciativa o Camiño de Santiago desde unha perspectiva máis humana e próxima que sirva de testemuña sobre a actual reactivación da peregrinación neste Ano Santo.

Tamén lembrou que a Xunta puxo en marcha tódalas medidas para garantir un Camiño seguro e contribuír á recuperación da peregrinación. Tanto co acondicionamento das rutas xacobeas mediante o Plan Director dos Camiños de Santiago 2015-2021 como coa creación de novos albergues e melloras nos xa existentes. Ademais, implantáronse tódolos protocolos sanitarios ante a covid nos distintos trazados e nas infraestruturas de acollida aos peregrinos, que ao igual que os turistas, contan co seguro coronavirus para cubrir cos gastos ante un caso de infección por covid ou por corentena.

Deste xeito, o vicepresidente primeiro da Xunta engadiu que todas estas medidas contribuíron a que se superasen as expectativas ao superar xa en setembro as 140.000 Compostelas previstas para este ano e acadando desde comezos de ano case 178.000, que agarda que sexan moitas máis en 2022 no segundo ano deste Xacobeo grazas á reactivación da peregrinación internacional.

Do mesmo xeito, explicou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro axudou a recuperar a afluencia no Camiño de Santiago e tamén a actividade turística, o que permitiu á comunidade situarse entre os territorios con mellor comportamento e recuperación da demanda turística a nivel nacional e 24 puntos por riba da medida estatal no balance de xaneiro a outubro.